RSS

Fragadassaimas

12 Marzo 2013

CELEBRACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER 2  

“...demandamos dos poderes públicos, dos partidos políticos e de todos os gobernos medidas correctoras na aplicación daquelas políticas que implican un retroceso en dereitos e conquistas sociais e unha clara aposta pola igualdade efectiva entre homes e mulleres e reclamamos que, tanto os gobernos como a propia cidadanía, adopten o compromiso real de cambiar a marxinación, a exclusión, o asasinato e a violencia machista pola conquista dunha sociedade máis xusta e igualitaria..” Así remataba a Presidenta do colectivo Fraga das Saímas a lectura do Manifesto  da asociación de mulleres que preside.

O GRUPO CORUÑES “DÚO ROSAS” ENCANDILOU COA INTERPRETACIÓN DO SEU ÚLTIMO TRABALLO MUSICAL “ROSAS PARA GALICIA” AO PÚBLICO ASISTENTE AO CONCERTO ORGANIZADO POLO COLECTIVO FRAGA DAS SAÍMAS CON MOTIVO DA CELEBRACIÓN DO “DÍA INTERNACIONAL DA MULLER”

O Centro Socio Cultural de Santo André de Boimente acolleu esta fin de semana un concerto organizado polo colectivo de mulleres Fraga das Saímas con motivo da celebración dos actos conmemorativos e reivindicativos no Día Internacional da Muller.

Os actos deron comezo ás 18.00 horas coa lectura do Manifesto da Asociación de Mulleres Rurais Fraga das Saímas a cargo da súa Presidenta. Durante a intervención de Flor Chao puxo especial énfase en que “ ..seguen permanecendo os tres grandes furados negros da desigualdade entre o home e a muller: a violencia machista e o asasinato de mulleres, derivado dun sustrato cultural machista e misóxino que non aceptan nin recoñece ás mulleres como seres equivalentes, a feminización do paro e a súa exclusión social e a infrarepresentación da muller nos órganos de decisión política, económica e social ou cultural...”

Logo da lectura deste Manifesto, os asistentes tiveron a ocasión de gozar, ao longo dunha hora, dun extraordinario e personalísimo concerto a cargo do Dúo Rosas, integrado pola bandurrista coruñesa, Julia Dopico e o guitarrista arxentino Daniel, durante o cal interpretaron o seu último traballo musical “ Rosas para Galicia”.

Este traballo musical estivo acompañado dunha montaxe visual, cuxo repertorio estivo integrado por cancións populares de Galicia, versionadas para bandurria e guitarra e enriquecidas con arranxos propios que dan calor e cor as obras.

Durante este concerto interpretaronse obras dos nosos compositores históricos, cuxos versos foron desgranados pola cálida e profunda voz do profesor José Luis Mera, declamando sobre a base musical textos de Curros e Rosalía, e aproveitando tamén para dedicarlles a todas as mulleres presentes a popular canción escrita por Castelao: Lela.

Logo de rematar o acto central, a Directiva ofreceulles as/os asistentes pinchos, refrescos e cafés.

Para poñer o punto e final a este día adicado á Muller, doce socias do colectivo Fraga das Saímas desprazáronse ata o restaurente Louzao para compartir cea e baile con de perto de 400 mulleres da Mariña.

A Directiva agradece ás socias, familiares e convidados que participaron nestes actos de homenaxe e    reinvindicación no Día da Muller e espera que os avances en materia de igualdade real da Muller fagan posible celebrar este Día todos os 365 días do ano.

 

 

 

02 Marzo 2013

PROXECTO EXPERIMENTAL DE COMPOSTAXE DOMÉSTICA +  

 

AS DEZASEIS VECIÑAS E VECIÑOS DO CONCELLO DE VIVEIRO QUE ESTÁN A PARTICIPAR NO PROXECTO EXPERIMENTAL DE COMPOSTAXE DOMÉSTICA, POSTO EN MARCHA POLO COLECTIVO “FRAGA DAS SAÍMAS”, REUNÍRONSE NO CENTRO SOCIO-CULTURAL DE STO. ANDRÉ DE BOIMENTE PARA PARTICIPAR NUNHA XORNADA TÉCNICA DE COMPOSTAXE.

 O Centro Socio Cultural de Santo André de Boimente acolleu esta fin de semana unha Xornada Técnica sobre a Compostaxe Doméstica impartida pola técnica da Asociación na Defensa Ecolóxica de Galicia, María Rodríguez Lafuente. 

Esta Xornada, que forma parte dun proxecto experimental de compostaxe doméstica posto en marcha na parroquia de Santo André de Boimente polo Colectivo de Mulleres Rurais Fraga das Saímas, desenvolveuse ao longo de tres horas durante a tarde do sábado, 23 de febreiro. Unha xornada que contou coa presenza de 16 persoas (socias e veciños do concello de Viveiro) interesadas en participar neste proxecto experimental de reciclaxe de residuos, pioneiro no Concello viveirense, e que se amosaron convencidas de poder acadar ao remate do mesmo o diploma de Mestras/es composteiras.

Logo de falar da problemática dos residuos domésticos, da súa xestión e de explicar en detalle o Programa de Compostaxe Doméstica e Comunitaria posto en marcha en Galicia fai máis dunha década, a técnica de ADEGA e os participantes neste proxecto construíron un composteiro artesán comunitario, que colocaron no aparcadoiro do Centro Socio-Cultural de San Andrés, ao obxecto de que as veciñas/os dos lugares máis cercanas ao Centro poidan depositar no mesmo o seu lixo doméstico e o resto de podas, céspede e outros resíduos agrícolas para convertilo nun abono orgánico de gran calidade, rico en nutrientes e que se coñece como "compost".

 

Ao Final desta Xornada a Directiva Fraga das Saímas repartiu entre as/os asistentes un Manual sobre o proceso de compostaxe doméstico e sorteou os 3 composteiros que serán obxecto de seguimento durante todo o proceso deste proxecto experimental. As persoas agraciadas foron: Xuxa Rouco da parroquia de San Andrés de Boimente, Dolores Trasancos da parroquia de Vieiro e Olimpia Rouco da parroquia de Chavín.

Este grupo de futuras Mestres Composteiras volverán a reuniranse a finais de abril para visitar aos tres composteiros de Chavín, San Andrés e Vieiro, así como o Composteiro Comunitario do Centro Socio Cultural e recibir o asesoramento necesario para o correcto uso dos mesmos e ou correxir posibles deficiencias ocurridas durante o proceso de compostaxe.

A Directiva do colectivo de mulleres aproveita para animar as súas socias e veciños a asistir ao Concerto do Dúo Rosas que está a organizar con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Traballadora e que vai ter lugar no Centro Socio-Cultural de Santo André de Boimente o sábado, 9 de Marzo, a partir das 18.00 h. e recórdalles que os interesados poden chamar á Presidenta ou membros da Directiva para comunicarlles o seu interese en participar nesta xornada de celebración.

 

22 Febrero 2013

CELEBRACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA-2013 5  

 

"FRAGA DAS SAÍMAS" CELEBRA O DÍA DA MULLER CUN CONCERTO A CARGO DO DÚO ROSAS  INTEGRADO POLA BANDURRISTA CORUÑESA JULIA Mª DOPICO E O GUITARRISTA CUBANO FIDEL GÓMEZ

O colectivo de mulleres de "Fraga das Saímas" convida a todas as súas socias, veciñas e veciños do concello de Viveiro a participar nos actos do Día da Muller que van celebrar o vindeiro sábado 9 de marzo no Centro Socio-Cultural de Santo André de Boimente.  Os actos comezarán as 18.00 horas co lectura dun Manifesto da Asociación. A continuación as asistentes poderán gozar dun concerto musical que correrá a cargo do Dúo Rosas que interpretará   durante casi 1 hora música popular galega e de autor, en versión para os instrumentos de bandurria e guitarra. Logo deste  concerto único, a Directiva ofreceralles aos asistentes refrescos, pinchos e cafés. Podendo ademais participar todos eles no proxecto nósXOGAMOS. Esperamos vervos a todos o SÁBADO 9 DE MARZO.

 

 

 

19 Febrero 2013

PROXECTO EXPERIMENTAL DE COMPOSTAXE DOMÉSTICA 1  

MATRICÙLATE NO CURSO DE COMPOSTAXE DOMÉSTICO QUE ESTÁ A ORGANIZAR "FRAGA DAS SAÍMAS" CO OBXECTO DE DESENVOLVER UN PROXECTO EXPERIMENTAL DE COMPOSTAXE NA PARROQUIA DE SANTO ANDRÉ DE BOIMENTE.

Dentro Campaña de Sensibilización do Medio Natural e aposta polo Rural Galego-2013 que está a desenvolver por 2º ano consecutivo  a Asociación de mulleres Fraga das Saímas, a súa Directiva ven de poñer en marcha un proxecto experimental de compostaxe na parroquia de Santo André de Boimente, e cuxa primeira actividade consiste na organización dun CURSO DE COMPOSTAXE DOMÉSTICO a impartir pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA).

 

O obxecto deste proxecto é concienciar aos veciños de reducir o volume de resíduos, sensibilizalos sobre os beneficios ambientais do emprego da técnica de compostaxe doméstica e capacitalos para elaborar compost a escala doméstica. Ao mesmo tempo preténdense favorecer a redución dos costes económicos e ambientais vinculados á calidade de resíduos orgánicos xerados polas familias e promover os beneficios económicos e ambientais derivados da obtención dun abono natural de destacado valor agronómico, entres eles o aforro en abonos químicos, o emprego como o substrato ou a mellora das propiedades químicas e bioquímicas dos chans.

As persoas que queirades participar neste proxecto, podedes matricularvos neste curso de compostaxe antes do 22 de febreiro de 2013. Asimesmo, e logo da charla teórica sortearanse tres composteiros entre todas e todos os alumnas/os. Este proxecto tamén contempla un apoio especial para por en marcha e manter activo nos vosos terreos un composteiro co que producir compost a nível particular.

Así pois, non esperes máis e apúntate xa e AXUDANOS A PROTEXER O MEDIOAMBIENTE E A CONSERVALO PARA OS NOSOS FILLOS.

Logo de rematada esta 1ª sesión (Sábado, 23 de febreiro) a Directiva serviravos uns pinchos e uns cafés que non seredes capaces de rexeitar e tamén poderedes ver unha película ou probar as vosas habilidades no programa NÓSxogamos! 

 

 

 

19 Febrero 2013

BAILE DE FARRAPULGAS "FRAGA DAS SAÍMAS 2013 5  

As mulleres e homes gañadores  do concurso de disfraces celebrado durante o “IIIº Baile de Farrapulgas Fraga das Saímas” foron premiados con VALES-AGASALLO de 25 e 15 euros para facer compras en Agricentro da Costa, Tenda Ecolóxica Estruga, Mercería Teresa, Construdeco e Pastelería O´Landro.

MEDIO CENTO DE MÁSCARAS E CARNAVALES ACUDIRON AO IIIº BAILE DE FARRAPULGAS DO COLECTIVO “FRAGA DAS SAÍMAS”

A asociación de mulleres rurais “Fraga das Saímas” ven de organizar o entroido 2013 coa celebración, por terceiro ano consecutivo, do IIIº Baile de Farrapulgas no Centro Socio-Cultural da asociación.

O Baile, celebrado o sábado 16 de febreiro, deu comezo a partir das seis da tarde, momento en que empezaron a chegar indias, damas de época, vampiresas, parellas de noivos, albaneis, enfermeiras, médicas, bois, bailarinas, esqueletos, draculauras, soldados, e así ata medio cento de disfraces.

As Mulleres, nenos e homes que participaron nesta festa de entroido fixéronno con moito humor e grandes doses de inxenio convertíndose en persoa, animal ou cousa indescrítibel. Todo eles  participaron nun concurso de disfraces, onde a Directiva Fraga das Saímas seleccionou por categorías (mulleres, homes e nenos) os disfraces máis orixinais e máis divertidos.

Os premios ao disfrace máis divertido e ao máis orixinal, na categoría dos nenos/as, foi para disfrace de esqueleto e o de DracuLaura respectivamente e aos que lles foi entregado, ademais do premio, un diploma. O resto dos nenos que asistiron disfrazados tamén levaron un agasallo por participar no homenaxe a Don Carnaval. Na categoría dos homes os premios foron para a disfrace de Aladino e o Boi. E na categoría das mulleres os premios ao disfrace máis divertido leváronnos as irmás Inés e Luisa pola parella de galletas Marbú Doradas e ao disfrace máis orixinal as irmás Lorena e Yanira pola  parella de bailaríns de breakdance, mentras que os segundos premios foron a parar a mans de Olga polo seu papel de india e de Ana pola súa posta en escea de sevillana. Os premiados nas categorías de muller e home foron agallados con vales de 25 e 15 euros para comprar nos seguintes comércios de Viveiro:  Agricentro da Costa, Tenda Ecolóxica Estruga, Mercería Teresa, Construdeco e Pastelería O´Landro.

Durante a tarde-noite deste 16 de febreiro os máis de sesenta asistentes a esta festa veciñal bailaron ao ritmo da música do popular Dúo Suso  e disfrutaron dun catering servido polo Mesón O`Imperial.  

O Baile das Farrapulgas despedíuse de Don Carnaval-2013 pasadas as 22.00 horas, logo de que todos os asistentes participaran nun sorteo gratuíto de seis tápers con produtos de tempada e un  lacón. 

 

 

23 Febrero 2011

ENTROIDO 2011 "FRAGA DAS SAÍMAS" 4  

 
ÁBRESE O PRAZO ÁS SOCIAS, VECIÑAS E CONVIDADOS PARA ANOTARSE E PARTICIPAR NO Iº BAILE DE FARRAPULGAS ORGANIZADO POLA ASOCIACIÓN "FRAGA DAS SAÍMAS"

 
A Directiva, ao obxecto de organizar o Iº Baile de Farrapulgas con motivo da celebración do ENTROIDO-2011, abre o prazo para anotarse ás socias, veciños e convidados das socias da Fraga das Saímas. Comunícase a todas e todos os interesados en participar nesta GRAN FESTA VECIÑAL que o único requisito IMPRESCINDIBLE para poder asistir a este BAILE POPULAR é que hai que ir disfrazada/o dalgún maneira. OLLO!... NON VALE O DISFRACE DE TODO O ANO!! hai que cambiar de traxe, aínda que só sexa por unha vez no ano.

 
Este Gran Baile, que  non só vai dar que falar a nenos e maiores, terá lugar no Centro Socio-Cultural o domingo, 6 de marzo, de 18.00 horas da tarde ata as 22.00 horas.

 
Haberá dous premios sorpresa para o disfrace máis orixinal e para o disfrace máis divertido.

 
Entre peza e peza tamén poderedes degustar as roscas, fereixós, orellas de frade...elaboradas polas socias voluntarias - voluntariosas.

 
Por último, dicirvos que a data para anotarse remata o 1 DE MARZO, así que xa sabedes se sodes divertidas, atrevidas, amantes da vida e queredes pasar unha tarde alegre e cargada de emocións, DISFRÁZATE DE FARRAPULGAS E ÚNETE A NÓS!

 
Vémonos no Baile das Farrapulgas! Ata entón, goza do que nos da a vida e das/os amigas/os.

31 Enero 2011

FRAGA DAS SAÍMAS APROBA O PROGRAMA DE ACTUACIÓNS 2011 +  

O Presuposto da “AMMRR Fraga das Saímas” para o exercicio 2011, aprobado esta fin de semana polas socias desta entidade, ascende a 21.200 euros.


 
AS MULLERES DA ASOCIACIÓN “FRAGA DAS SAÍMAS APROBAN POR UNANIMIDADE O PROGRAMA DE ACTIVIDADES-2011 NA SÚA ASEMBLEA XERAL ANUAL.
  
 A asociación de mulleres rurais “Fraga das Saímas” ven de celebrar a súa asemblea xeral anual durante a tarde-noite do sábado, 22 de xaneiro, no seu Centro Socio-Cultural de Santo André de Boimente.

 
Nesta reunión, tras dar conta a secretaria da asociación do estado de ingresos e gastos do ano 2010, as socias aprobaron por unanimidade as contas deste exercicio, así como o programa de actuacións e investimentos, a desenvolver ao longo do ano 2011 pola asociación Fraga das Saímas, proposto pola Directiva.

 
O programa de actuacións-2011 que aprobou “Fraga das Saímas” e cuxo presuposto ascende a 21.200 euros, divídise nas seguintes liñas de traballo: formación/información, actividades culturais, actuacións para preservar o noso patrimonio material e inmaterial, actividades lúdico-culturais: Cultura e divertimento, e fomento do coñecemento sobre o patrimonio natural, histórico e artístico de Galicia mediante visitas “in situ” guiadas.
Entre as actuacións novidosas aprobadas co voto favorable de todas as socias cabe sinalar: a celebración do entroido-2011, coa organización do Iª Baile de Farrapulgas. O deseño, maquetación e edición do Catálogo “O espello das Lembranzas”, onde se recollerán máis de 100 fotografías cedidas polas veciñas, costumes sociais, ritos de carácter relixioso, a formación, celebracións populares, cantigas, refráns, etc...das xentes de Santo André de Boimente das décadas comprendidas entre os 40-80. Así como tamén, cabe destacar a organización do Iº Concurso de Fotografía  “Fraga das Saímas” ao obxecto de pór en valor e dar a coñecer o noso máis prezado Patrimonio como é a Fraga das Saímas.

 
A sesión foi pechada coa intervención da presidenta que  expresou a súa satisfacción polo traballo desenvolto ao longo do ano 2010 por unha directiva que soubo facer fronte a dificultades de moi diversa índole e pola participación entusiasta das súas socias e veciños. E manifestou ante a súa asemblea que esperaba que as administracións fixesen un maior esforzo que o do exercicio pasado. Así espera que se lles dé a posibilidade de participar ás pequenas asociacións, como o caso da Fraga das Saímas, en programas específicos que afecten ao ámbito da muller e que deberían poñer en marcha novamente a administración autonómica e local ao obxecto de mellorar a calidade de vida da muller do rural.

 

Unha vez rematada a reunión as asistentes puideron degustar dun chocolate con churros e disfrutar coa proxección dunha película na sá de cinema que ten acondicionada o Centro Socio-Cultural. A velada rematou pasadas as 10.30 da noite e cunha temperatura por debaixo dos 3º graos

23 Diciembre 2010

ÉXITO DE PARTICIPACIÓN NO FESTIVAL DE NADAL -2010 "FRAGA DAS SAÍMAS" 1  

648
A ACTUACIÓN “ELEGANTE E INTIMISTA” DO DÚO DE MÚSICA FOLK “TONECHO CASTELOS&PABLO ESQUEIRA” CAUTIVOU AO PÚBLICO ASISTENTE AO IIº CONCERTO DE NADAL “FRAGA DAS SAÍMAS-2010” O sábado 18 de decembro a Asociación de mulleres rurais “Fraga das Saímas” pechou o seu programa de actividades 2010 coa celebración do Festival de Nadal-2010. Unha cita anual xa consagrada e convertida nun “ritual de casi obrigado cumprimento” para as socias, veciños da parroquia e convidados da asociación. Este Festival-2010, organizado pola Directiva con gran esforzo, ilusión, gañas e co desexo de que facer sentirse HOXE aquí aos asistentes como nunha gran familia, según palabras da propia presidenta da asociación durante o acto de benvida, comezou ás 18:30 h. no Centro Socio-Cultural de San Andrés de Boimente coa actuación dos reputados músicos de folk, o coruñés Tonecho Castelos &Pablo Esqueira, viveirense de nacemento. Estes dous mestres da música ofrecéronnos un espectáculo musical cargado de ritmos tradicionais e folk con composicións propias, cautivando, coa complicidade dun fermoso diálogo entre un violín e un acordeón, a un público asistente totalmente entregado, ao mesmo tempo que engadían diferentes instrumentos e a súa voz durante o seu elegante e intimista repertorio que se alongou máis dunha hora. Concluído este excepcional concerto, e que a Directiva quixo adicar dun xeito especial á memoria das súas socias finadas, o centenar de asistentes que quixeron compartir este ritual de despedida anual, xunto coa asociación Fraga das Saímas, foron convidados a unha cea de confraternidade que comezou ás 20.30 h., onde os comensales deron boa conta do catering servido polo Mesón O Imperial e onde non faltou tampouco durante o postre a degustación dos produtos típicos do nadal servidos pola Directiva. Durante a cea a Presidenta da Asociación “Fraga das Saímas”, Flor Chao, aproveitou para felicitar, as festas de Nadal e expresar os mellores desexos para o 2011 a todas as súas socias e convidados. Durante a súa intervención agradeceu , a todas aquelas socias que co seu entusiasmo, coa súa participación e a súa colaboración en todos e cada un dos proxectos desenvoltos pola Directiva, fixeron posible que a Asociación chegara con éxito á meta un ano máis e aproveitou para felicitalas publicamente pola súa vitalidade, ilusión e esa alegría que nos transmiten e nos dá forzas para continuar coas rendas desta asociación un ano máis e á espera de poder contar, a curto prazo, cun relevo xeracional que nos recolla o testemuño e continúen coa boa marcha desta asociación. Durante os postres a directiva efectuou un sorteo de tres espléndidas cestas de nadal. Nesta ocasión a fortuna foi a parar ás mans do veciño Manolo Lestegás, que se levou a 1ª cesta e ás mans das socias: Olimpia Rouco Fraga e Elva Martínez Cao, que a fortuna as agasallou coa 2ª e 3ª cesta respectivamente. Tampouco se olvidou a Directiva dos máis pequenos que asistiron a esta festa navideña, posto que tamén recibiron o seu agasallo de nadal. A celebración alongouse ata as 2.00 h. da madrugada, na que os convidados máis animados bailaron ao ritmo da música do viveirense Moncho Fernández.

10 Diciembre 2010

PRAZAS POLA SOLIDARIEDADE 2  

 
O fomento da autoestima e a concienciación da propia muller, a través de accións formativas,  unha fórmula para loitar contra a violencia de xénero.


 

“FRAGA DAS SAÍMAS” SUBVENCIONARÁ CINCO PRAZAS PARA ASISTIR AO CURSO DE ANIMACIÓN CULTURAL E DEPORTIVA, QUE SE ESTÁ A IMPARTIR NO SEU CENTRO SOCIO-CULTURAL, DESTINADAS A MULLERES VECIÑAS DE VIVEIRO.

 
O Centro Socio-Cultural de San Andrés acolleu, o xoves 25 de novembro, ás alumnas e socias da Fraga das Saímas que quixeron adicar parte da tarde en recordar ás mulleres vítimas da violencia machista realizando unha  concentración solidaria, durante a cal se repartiron libretas entre as presentes e lazos de cor lila en sinal do rexeitamento da violencia contra as mulleres. 

 
Outra das iniciativas que acordou a Directiva da Asociación “Fraga das Saímas”, con motivo da celebración dos actos conmemorativos Día Internacional en contra da Violência de xénero, é subvencionar ao 50% o custo de  5 prazas do curso de animación cultural e deportiva que se imparte no seu Centro Socio-Cultural os martes e xoves de cada semana, co obxecto de ofrecerlles a posibilidade de asistir a esta actividade formativa a aquelas mulleres, que non pertencen  á asociación MMRR Fraga das Saímas, que sexan veciñas de calquera das parroquias do concello de Viveiro.

 
As mulleres interesadas en participar nesta acción formativa poderán poñerse en contacto nos vindeiros días coa presidenta da asociación no telefono 669 25 09 48

 
O prazo para incorporarse a este curso rematará ao cubrirse as 5 prazas que estarán subvencionadas ao 50%  durante un período máximo de 3 meses.

 
Con estas iniciativas a asociación, que está a servir de instrumento para darlle voz a muller da súa comunidade veciñal, quere convertir o centro socio-cultural de San Andrés de Boimente nun verdadeiro espazo de encontro para as mulleres, tanto socias como veciñas do concello de Viveiro, onde a través de cursos como o de animación cultural e deportiva  podan compartir tempo, espazo e vivencias, lles sirva para concienciarse da importância do seu papel na sociedade e no mercado laboral, non só como amas de crianza ou amas de casa, así como impulsar o fomento da autoestima de todas as mulleres que se acheguen a este Centro.

22 Noviembre 2010

CONCERTO DE NADAL "FRAGA DAS SAÍMAS" 3  

 

Os ritmos tradicionais da música Folk do dúo Tonecho Castelos& Pablo Esqueira soarán no Concerto de Nadal-2010 que está a organizar a Directiva da asociación de mulleres rurais "Fraga das Saímas".

 
O concerto de Nadal-2010 "Fraga das Saímas", que correrá a cargo dos reputados músicos Tonecho Castelos (A Coruña) e o viveirense Pablo Esqueira, celebrarase no Centro Socio-Cultural de San Andrés de Boimente, o sábado 18 de decembro, ás 18.30 h.

As persoas interesadas en asistir, tanto ao concerto como ao Festival de Nadal, que se celebrará o mesmo día, poden poñerse en contacto coa Directiva da Asociación.

Programación de actos do Festival de Nadal:

18.30 h. Concerto de Nadal
20.00 h. Cea de confraternidade
21.30 h. Sorteo de 3 cestas navideñas
22.00 h. Baile amenizado pola música de O Pìndaro

Non esperes máis e APÚNTATE XA!. A diversión está garantizada! O prazo para anotarse remata o 12 de decembro de 2010

09 Noviembre 2010

FRAGA DAS SAÍMAS SOLIDARÍZASE COS VECIÑOS DE MAGAZOS AFECTADOS POLO CAMBIO DE TRAZADO DA VARIANTE DE VIVEIRO 2  

A ASOCIACIÓN “FRAGA DAS SAÍMAS” APOIA A REIVINDICACIÓN DAS VECIÑAS E VECIÑOS DE MAGAZOS AFECTADOS POLO CAMBIO DE TRAZADO DA VARIANTE DE VIVEIRO AO PASO POLA SÚA PARROQUIA.



 

A Directiva da AMMRR “Fraga das Saímas” reuníuse na tarde do sábado, 6 de novembro, co obxecto de tomar, entre outros, o acordo de apoiar a reivindicación das veciñas e veciños de Magazos afectados polo cambio de trazado do proxecto aprobado da V.A.C. (variante de Viveiro), ao paso pola súa parroquia.
 
A Directiva da Fraga das Saímas, de forma unánime, acordou manifestar o apoio ás súas veciñas e veciños da parroquia de Magazos na súa loita contra o cambio no trazado da VAC ao paso por esta parroquia. O Acordo tomado por escrito e asinado por todas as membros da directiva, trasladouselle aos representantes da Comisión de veciños afectados de Magazos.

 
A Directiva da Fraga das Saímas manifesta o seu rexeitamento ao cambio de trazado do proxecto aprobado da V.A.C. San Cibrao-O Barqueiro, tramo Celeiro-Viveiro Sur, ao paso pola parroquia de Magazos que de forma sorpresiva e arbitraria a Dirección Xeral de Infraestruturas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia parece estar intentando querer impoñer ás veciñas e veciños de Magazos, afectados directos, e ás veciñas e veciños das restantes parroquias do municipio viveirense, que continuaremos sofrindo estoicamente día tras día os atascos e as penalidades para cruzar Viveiro por mor de non estar nin se quera iniciada a execución a día de hoxe, e visto o visto, nin con visos de executarse nun futuro cercano, a V.A.C. San Cibrao-O Barqueiro, nos subtreitos de Covas-Viveiro Sur e Viveiro Sur-Celeiro, e incomprensiblemente a pesares de que este trazado xa fora aprobado por unanimidade por todos os membros da corporación do concello de Viveiro e co respaldo e consenso dos veciños, alá polo ano 2006.

 
Cremos que todos os cidadáns deberíamos ter as mesmas oportunidades para mellora-las nosas condicións de vida con independência da aldea, vila, cidade ou capital na que escollamos ou nos toque vivir, polo que non nos parece de recibo que as Administracións Públicas que recaudan , administran e xestionan os nosos impostos decidan de forma unilateral cambiar, como é neste caso, un proxecto primordial para as nosas comunicacións viarias e o desenvolvemento futuro do municipio viveirense, menoscabando o sentir xeral dos veciños e os acordos tomados polo concello de Viveiro, que entendemos goza de personalidade xurídica plena e cuxa autonomía ten garantizada pola Constitución española, supoñemos que como calquera outra administración local.

 
A Directiva da Fraga das Saímas suscribe as alegacións presentadas, á Dirección Xeral de Infraestruturas, polas veciñas e veciños de Magazos ao cambio de trazado da V.A.C. ao seu paso por esta parroquia e demanda da Xunta de Galicia a rectificación do trazado proposto pola súa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a aceptación das alegacións dos veciños de Magazos e reitera, en aras do interese xeral de todos os veciños de viveiro a petición de inicio das obras da variante de Viveiro aprobada no seu día polo Concello e os veciños.

03 Noviembre 2010

COMPARTE O NADAL-2010 E A SORTE COA ASOCIACIÓN "FRAGA DAS SAÍMAS" +  

O NÚMERO 37.562 DE SEGURO QUE SERÁ O NÚMERO AFORTUNADO DO SORTEO DESTE NADAL

 
A LOTARÍA DE NADAL-2010 DA ASOCIACIÓN "FRAGA DAS SAÍMAS" XA ESTÁ A DISPOSICIÓN DAS SÚAS SOCIAS E SEGUIDORES!


 

Queridas socias e fieles seguidores agora a sorte está nas vosas mans! Queres compartir este Nadal-2010 con nós e participar dunha experiencia conxunta que nos pode levar a facer realidade algún dos pequenos soños das nosas vidas?? A Directiva da Asociación "Fraga das Saímas" quere axudarvos a conseguir eses dóces soños e por iso pon á venta exclusivamente 200 participacións de 5 euros cada unha (donativo:1€) do número 37.562.

 
Todas as socias teñan preferencia para facerse con algunha destas 200 participacións.

 
COMPRA O TEU NÚMERO ANTES DE QUE SE ESGOTEN!

 
A DIRECTIVA NON COMPRARÁ MÁIS LOTARÍA DA QUE DISPÓN (200 PARTICIPACIÓNS) NIN RESERVARÁ PARTICIPACIÓN ALGUNHA!!

03 Noviembre 2010

O CENTRO SOCIO-CULTURAL DE SAN ANDRÉS DE BOIMENTE ACOLLE O CURSO DE ANIMACIÓN DEPORTIVA PROGRAMADO POLA AMMRR “FRAGA DAS SAÍMAS” +  

488
O pasado 21 de outubro deu comezo o curso de Animación Deportiva no Centro Socio-Cultural de San Andrés de Boimente, organizado pola Directiva da Asociación de MRR Fraga das Saímas.


Coa organización desta actividade a Directiva pretende impulsar, entre as súas asociadas e veciñas, a práctica de programas de exercicio físico combinado cun traballo de estimulación da memoria co obxecto de axudar a prevenir e a mellorar déficits nos aspectos cognitivos das alumnas participantes.

Este curso estase a impartir pola Técnica superior en animación de actividades físico-deportivas, Lorena Díaz, todos os luns e xoves, en horario de 7 a 8 da tarde, no Centro Socio-Cultural de San Andrés de Boimente.

O programa de actividades que se está a desenvolver pola monitora incorpora o Método de motricidade e memoria para maiores cuxa práctica de traballo implica a combinación de:

1º.- Técnicas corporales en movemento e estratexias de intervención na memoria motriz.
2º.- Actividades cognitivas de aula nas que se realizarán diferentes exercicios de atención e memoria.

Asemade, unha vez ao mês estas clases estarán adicadas á práctica do CACHIBOL, coa que as asistentes descubrirán os beneficios para a súa saúde física e psicosocial que entraña a práctica deste deporte coñecido polos profesionais como o deporte da eterna xuventude.

Por outra banda, as mulleres de San Andrés non só participan neste curso de animación deportiva, senón que algunhas o compaxinan co taller de manualidades que se está a impartir no Centro Socio-Cultural os xoves de 16.00 h. ás 19.00 h.

A directiva anima a todas as súas veciñas e veciños a participar neste curso que de seguro lles traerá maior benestar e un aumento da súa calidade de vida. Así pois aquelas mulleres e homes que desexen participar neste curso e compartir un espazo e un tempo côas mulleres da asociación “Fraga das Saímas” poderán poñerse en contacto coa Directiva no telefono 669 25 09 48

19 Octubre 2010

O DELEGADO DE CULTURA DA DEPUTACIÓN DE LUGO ASISTE Á INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN PERMANENTE "O ESPELLO DAS LEMBRANZAS" +  

  O Deputado nacionalista e Delegado de Cultura da Deputación de Lugo, Don Antón Veiga, durante a a súa intervención suliñou que co traballo de asociacións coma o da “Fraga das Saímas” e o apoio econômico da Área de Cultura da Deputación de Lugo estase a contribuír a dignificar o modo de vida da xente do rural galego.
EXITOSA INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN PERMANENTE “O ESPELLO DAS LEMBRANZAS” E DA MOSTRA DE TRABALLOS MANUALES DAS SOCIAS-ALUMNAS DA ASOCIACIÓN “FRAGA DAS SAÍMAS”.

 
O Centro Sócio-Cultural de San Andrés de Boimente acolleu na tarde do sábado, 16 de outubro, a inauguración dunha exposición de fotografias antigas que reflexan as vidas dos membros da comunidade veciñal de San Andrés de Boimente e que leva por título “O Espello das Lembranzas”, así como tamén acolleu a Iª mostra de traballos manuales das socias-alumnas da Asociación Fraga das Saímas que elaboraron durante os últimos meses nos talleres de manualidades, arte floral e cestería organizados por esta asociación.

 
A Exposición de fotografias antigas forma parte do proxecto O Espello das Lembranzas e conta coa colaboración económica da Área de Cultura da Deputación de Lugo. Este proxecto púxose en marcha a comezos de ano póla Directiva da Fraga das Saímas coa colaboración de 17 mulleres que demostraron o seu entusiasmo e apoio a esta iniciativa a través da cesión de 150 fotografías antigas, dos anos entre 1940 e 1980.

 
O acto comezou ás 18.00 h. coas intervencións da presidenta Flor Chao, o Deputado-Delegado de Cultura da Deputación de Lugo, Antón Veiga e a Concelleira de Benestar Social do Concello de Viveiro, Isabel.

 
Según as palabras da Presidenta da Asociación durante a súa intervención a exposición de O ESPELLO DAS LEMBRANZAS, baixo o lema “UNHA HOMENAXE Á XENTE DA COMUNIDADE VECIÑAL DE STO. ANDRÉ DE BOIMENTE” intenta resumir o fin último perseguido pola nosa asociación ( é dicir preservar o noso patrimonio máis prezado: A HISTORIA DA NOSA XENTE), amosando a través de 72 fotos distribuídas en 12 paneis temáticos unha realidade familiar e social propias dun pasado duro, difícil pero tamén entrañable e irrepetible.

 
O deputado nacionalista, Antón Veiga, felicitou á Asociación póla súa labor social e amosou o seu apoio a este tipo de iniciativas, subliñadondo que co traballo de asociacións coma o da Fraga das Saímas e o apoio econômico da Área de Cultura da Deputación de Lugo estase a contribuir a dignificar o modo de vida da xente do rural galego.

 
Durante este acto tamén tivo lugar a inauguración da Iª MOSTRA DOS TRABALLOS MANUALES das socias-alumnas máis pro-activas e participativas da Asociación que co seu esforzo, traballo e a complicidade das súas monitoras, en especial da monitora do taller de manualidades Pilar, elaboraron verdadeiras obras de artesanía. Así os asistentes puideron admirar espectaculares centros e cadros minimalistas compostos no taller de arte floral, xogos de mantelerías, puntillas a ganchillo, bolillos feitos no taller de manualidades, ademais das cestas, servilleteiros ou botelleiros, entre outros, que as socias aprenderon a confeccionar durante o curso de cestería impartido por profesionais do Centro de Artesanía e Deseño de Lugo.

 
A exposición O Espello das Lembranzas pasará a formar parte de forma permanente do día a día do Centro Socio-Cultural de San Andrés e a Mostra de traballos manuales permanecerá nas instalación deste Centro do 18 a 24 de outubro.

 
Tra-lo remate da inaguración os máis de sesenta asistentes foron convidados a un viño galego acompañado duns pinchos, prolongándose a velada ata pasadas as 23.00 h. onde os amantes do cine tamén puideron disfrutar cunha película que a Directiva proxectou como broche final dun día cargado de emocións para a comunidade veciñal.

08 Octubre 2010

INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN "O ESPELLO DAS LEMBRANZAS" +  

 
O ESPELLO DAS LEMBRANZAS.Unha homenaxe á xente de Santo André de Boimente.

 
A Asociación MMRR Fraga das Saímas inaugura o vindeiro sábado de 16 de outubro unha exposición de fotografías antigas dos veciños de Santo André de Boimente que forma parte do proxecto O ESPELLO DAS LEMBRANZAS e á cal, a Directiva da asociación, CONVIDA a asistir a todas as súas socias e veciños da comunidade veciñal de Santo André de Boimente.

 
 A Inauguración desta exposición terá lugar ás 18.00 h. no Centro Socio-Cultural de Sto. André de Boimente. Asimesmo expoñerase unha Mostra dos traballos manuais elaborados durante os últimos meses polas socias-alumnas do taller de manualidades e cestería organizados por esta Asociación.

 
As persoas interesadas en ter máis información poden poñerse en contacto coa Directiva da Asociación e tamén a través do correo electrónico: fragadassaimas@gmail.com

 

Síguenos en...

 Follow RuraisLAB on Twitter   

Inicio de sesión

RuraisLAB

Mulleres Rurais e desenvolvemento rural

RuraisLAB es un laboratorio ciudadano para la innovación social en el medio rural, basado en las necesidades e inquietudes de la mujer.

 

 

 

 

Mulleres Rurais e desenvolvemento rural

Mujer Rural

Mujer Rural y Desarrollo Rural

Agenda Digital Europea 20202

Agenda Digital Europea