RSS

Fragadassaimas

26 Septiembre 2010

CLAUSURA DO CURSO DE CESTERÍA IMPARTIDO POR PROFESIONAIS DO CENTRO DE ARTESANÍA E DESEÑO DE LUGO +  

A Asociación Fraga das Saímas aposta por recuperar e preservar os oficios tradicionais que conforman o extenso patrimonio artesanal galego.

 
A Directiva da AMMRR “Fraga das Saímas”, en colaboración co Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, ven de organizar, no seu Centro Socio-Cultural, un curso de Cestería tradicional de 10 horas de duración, no que participaron máis de vinte alumnas.

 
Un dos obxectivos principais que se persegue, desde a Asociación, con este tipo de iniciativas é contribuír a impulsar a recuperación, a conservación e o mantemento dos ofícios tradicionais do noso país, como é a cestería neste caso, e que conforma o rico patrimonio artesanal de Galicia.

 
Este curso, dividido en dous grupos dunhas 10 alumnas cada un, acolleu a vinte e unha alumnas que ao longo de tres xornadas formativas (14, 17 e 21 de setembro) aprenderon da man de dúas profesionais do Centro de Artesanía de Lugo a confeccionar diferentes tipos de cestas, servilleteiros e botelleiros, entre outros, empregando médula de roten, pranta de orixe asiático que pola súa versatilidade facilita o seu manexo entre as participantes para aprender as técnicas básicas do oficio de cestería.

 
A clausura do curso de cestería, celebrada o pasado 21 de setembro ás 19.00h no Centro Socio-Cultural de San Andrés, estivo a cargo da Presidenta da Asociación Fraga das Saímas. Durante o acto Flor Chao agradeceu o apoio recibido polo Centro de Artesanía e Deseño de Lugo para a realización deste taller e destacou o enorme interese suscitado entre as súas socias por estas xornadas formativas, suliñando tamén o componente social que supón a posta en práctica deste tipo de actividades, posto que ademais da formación que adquiren as alumnas, a moitas delas, ábreselles a oportunidade de compartir un espazo común que facilita as interrelacións persoais. O acto de clausura pechouse coa entrega duns agasallos ás monitoras do curso, María e Carmen, por parte das alumnas, como mostra de cariño e felicitación pola súa profesionalidade.

15 Septiembre 2010

A DIRECTIVA ABRE O PRAZO PARA ANOTARSE NO CURSO DE CESTERÍA +  

156
FRAGA DAS SAÍMAS ORGANIZA EN COLABORACIÓN CO CENTRO DE ARTESANÍA E DESEÑO DA DEPUTACIÓN DE LUGO UN CURSO DE CESTERÍA PARA AS SÚAS ASOCIADAS.
 

 
Se queres aprender a confeccionar diferentes tipos de cestas dun xeito artesanal, a AMMRR “Fraga das Saímas” e o Centro de Artesanía e Deseño de Lugo ofrecémosche agora unha oportunidade a través deste curso de 10 horas de duración que se vai a celebrar no mes de decembro.

 
O número de prazas son 20 , polo que Chama á Directiva e apúntate antes de que se esgoten as prazas!

Moi importante: Poderán asistir a este curso as 20 primeiras socias que se inscriban chamando ao Tfo. 669250948. En caso de que non se cubran todas as prazas poderán asistir tamén as mulleres veciñas de Viveiro que estean interesadas no mesmo e o houberan solicitado á Directiva da Asociación.

08 Julio 2010

CELEBRACIÓN EXITOSA DA 42ª EDICIÓN DA RAPA DAS BESTAS DO CANDAOSO BAIXO UNHA INTENSA NÉBOA 1  



A COMUNIDADE VECIÑAL DE STO. ANDRÉ DE BOIMENTE CELEBROU DURANTE A FIN DE SEMANA A 42ª EDICIÓN DA RAPA DAS BESTAS DO CURRO DO CANDAOSO NOS MONTES DO BUIO. (SÁBADO, 3 DE XULLO DE 2010)

A pesar da intensa néboa que cubríu a Mariña Occidental durante a fin de semana, as veciñas e veciños de Sto. André de Boimente celebraron a 42ª edición da Rapa das Bestas co mesmo entusiasmo e ilusión de todas as edicións pasadas. Esta celebración prolongouse ata o domingo a noitiña. O sábado a mediodía, as veciñas da parroquia e visitantes achegáronse ata a explanada do curro do Candaoso para celebrar un xantar no que degustaron polbo, carne ao caldeiro e xelado. Rematados os postres, os máis animados e os amantes da música disfrutaron co ritmo do grupo "Luna Nueva". Esta festa prolongouse ata a medianoite.


Xa na madrugada do domingo, a iso das 6.30 h, avanzando entre a espesa néboa que cubría os cumios dos montes do buio, os propietarios das manadas, mozos da parroquia e arredores adentráronse no monte para baixar ata o curro os cabalos, dos que hai máis de 60 de pura raza galega e cerca de 200 de cruce, e as vacas, que permaneceron nun recinto pechado situado xunto o curro, para a súa exhibición durante a rapa. Unha vez rematada esta labor de equipo, os sufridos madrugadores tomaron as típicas sopas con allo para repoñer as forzas e así poder dispoñerse a iso das 11.00, a reproducir o ritual ancestral da loita entre o home e a besta, no que os mozos se empregaron a fondo para poder domar os cabalos co obxecto de marcalos e raparlles as súas crins. Rematado o espectáculo da doma, marcado e rapa das bestas, un ano mais e como é habitual na Rapa do Candaoso, os visitantes puideron asistir á loita de garañóns que reproduce no curro como os machos alfa pelexan polo control da manada.

En torno á “Rapa das Bestas do Candaoso, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, organízase unha auténtica romaría que a convirte nunha manifestación claramente festiva. Así os visitantes puideron aproveitar para facer diversas compras nos máis de 2o postos de venta montados ao largo de toda a explanada do curro. Postos de venta de produtos de alimentación (pan de carral, cereixas do Bierzo...), de roupa e calzado, de xoguetes e bisutería, de produtos artesáns (cestos...), etc.. e non faltou tampouco a presenza dunha pequena mostra-exposición de maquinaria agrícola.

Os milleiros de persoas que acudiron a esta festa-romaría non só gozaron dunha espectacular contorna natural das máis envexables e coa celebración dunha das tradicións galegas máis ancestrais, que se remonta á idade de bronce, senón que tamén puideron aproveitar para comer cos amigos e familia nun dos tres "botiquíns" montados na explanada do Curro do Candaoso para esta festa tan especial.

A partir das 17:30 horas e despois de que a xente xa tivera tempo para xantar e descansar, a festa continuou no Candaoso coas competicións (de andadura, de cabalos do país e trotóns) e a carreira equina, con exemplares do país e cruzados e rematou coa xa famosa carreira de burros. Os premios repartidos entre todos os gañadores das distintas categorías ascenderon a uns 810 euros.

Xa para clausurar a 42º edición da rapa das bestas a xornada do domingo rematou cunha verbena que durou ata pasadas as once da noite, amenizada por dous grupos musicais.

Parabéns a toda a comunidade de veciñas e veciños de Sto. André de Boimente por preservar e impulsar unha das festas con máis tradición e sona da nosa comarca.
 

30 Junio 2010

Día da socia 1  

ÁBRESE O PRAZO PARA PARTICIPAR NA CELEBRACIÓN DO DÍA DAS SOCIAS QUE TERÁ LUGAR O SÁBADO 7 DE AGOSTO.

A Directiva da Asociación Fraga das Saímas informa que está a organizar a IIª Edición do "Día das Socias" para o sábado 7 de agosto.

Programa:

A partir das 14.00 h. Sardiñada
17.00 h-19.00 h. Actuación do home-orquestra (Hortensio)

Todas as socias interesadas deberán inscribirse antes do 30 de xullo.

A cuota "simbólica" é de 2 € para as parellas das socias parroquiais e 3 € tanto para as socias interparroquiais como para os seus acompañantes.

APÚNTATE XA E DISFRUTA DO DÍA DAS SOCIAS NUN DOS CONTORNOS MÁIS FERMOSOS DA MARIÑA!

31 Mayo 2010

DESCUBRINDO A COMARCA DA SIDRA E AO OVIEDO HISTÓRICO-MEDIEVAL 1  

A ASOCIACIÓN “FRAGA DAS SAÍMAS” VIAXA AO PRINCIPADO DE ASTURIAS PARA DESCUBRIR OS SEGREDOS DA COMARCA DA SIDRA E GOZAR DO OVIEDO HISTÓRICO-MEDIEVAL

As mulleres da Asociación “Fraga das Saímas”, acompañadas polos seus familiares, descubriron os segredos da elaboración da Sidra El Gaitero e gozaron dunhas espectaculares paraxes naturais con vistas ao Cantábrico e dun dos maiores museos escultóricos públicos.

O sábado 29 de maio a Asociación “Fraga das Saímas” viaxou ata a Comarca da Sidra e o Oviedo histórico-medieval, terra de contrastes e paisaxes que espertan os sentidos, para descubrir e admirar a súa riqueza monumental, paisaxística e gastronómica.

 
A visita comezou nas adegas da Sidrería “El Gaitero”, situada na capital da Comarca da Sidra (Villaviciosa). Durante a visita ás súas instalacións un guía explicou o proceso completo de elaboración das distintas marcas de sidra e as variedades de mazás empregadas. Ao final do percorrido polas adegas da sidrería, e despois de degustar unha sidrina, o grupo de 55 persoas achegáronse a ver a Colección Permanente de El Gaitero, onde alberga a historia da empresa fundadora desta Sidrería.
Despois de coñecer un pouco mellor os segredos da bebida por excelencia dos astures o grupo viaxou ata Lastres para contemplar desde o mirador de San Roque o deseño de construción das súas casas, as praias e as espectaculares paisaxes deste famoso porto mariñeiro.
Para rematar a mañán o grupo trasladouse pola estrada local que vai pegada á ría de Villaviciosa para chegar ata outro dos máis famosos portos de pescadores de Asturias: Tazones. Neste pequeno porto pesqueiro, declarado Coxunto Histórico Artístico do Principado de Asturias no 1991, o grupo da asociación “Fraga das Saímas” aproveitou, antes de xantar no mesmo centro de Tazones, para pasear polas súas estreitas rúas e gozar contemplando o seu caserío popular e para buscar as pegadas dalgún dinosaurio bípede nos pedreiros da súa praia, posto que nesta zona atópase un dos maiores xacementos de pegadas de dinosauros do Xurásico de toda Europa.
Recuperadas as forzas, os viaxeiros marcharon cara a Oviedo:Nesta incursión á capital do Principado de Asturias o grupo gozou contemplando a xoia da cidade: a Catedral de San Salvador e comprobaron porque se di de Oviedo que é un gran museo escultórico público. Durante a visita ao Oviedo Medieval e Histórico admiraron a beleza das súas prazas (Porlier, Trascorrales, Fontán) e dos seus edificios máis emblemáticos ( Pazo dos Condes de Toreno, Valdecarcena-Heredia, Capela da Balesquida, o edificio histórico da Universidade, etc.), para rematar a súa visita á carón do Parque de San Francisco, un dos epicentros da vida social ovetense e o seu principal pulmón.

 
Nesta viaxe, onde participaron 55 socias e familiares, tamén participou Yanira Díaz, a nena gañadora do 1º premio da Edición-2010 do Concurso de debuxo e pintura da Fraga das Saímas organizado pola Asociación con motivo do Día Internacional da árbore.

 

19 Mayo 2010

FRAGA DAS SAÍMAS CELEBRA O DÍA DAS LETRAS GALEGAS +  

A ASOCIACIÓN MMRR “FRAGA DAS SAÍMAS” CELEBRA O DÍA DAS LETRAS GALEGAS COA PROXECCIÓN DA PELÍCULA PRADOLONGO E AGASALLA AOS ASISTENTES CO CD “CANCIÓNS PARA ANTÍA” DO GRUPO FOL DO VENTO.

A Directiva da AMMRR “Fraga das Saímas” ven de organizar días pasados dúas actividades lúdico-culturais con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. Así as socias e veciños de San Andrés de Boimente puideron gozar coa proxección da película “Pradolongo”.

A Directiva proxectou este filme galego o pasado sábado 15 de maio, ás 20.00 h., nun dos espazos do Centro Socio-Cultural de San Andrés de Boimente que a Asociación ten habilitado como sá de cinema.

Despois da proxección da película, a Directiva da Fraga das Saímas ofreceulles aos asistentes uns petiscos e churros con chocolate, dos cales todos deron boa conta. Esta agradable velada rematou ás once e media da noite, momento en que a Directiva aproveitou para agasallar ás socias e veciños cun exemplar do CD “Cancións para Antía”, do grupo Fol do Vento, pola súa participaron na celebración do Día das Letras Galegas e co obxecto de que puideran gozar escoitando, xunto ás súas netas e netos, este CD de música en galego para nenas e nenos.

Asimesmo e con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, días pasados, a Directiva enviou como agasallo, aos catro centros de ensino público de primaria do Concello de Viveiro e as ANPAs dos mesmos, dous exemplares do CD “Cancións para Antía” a cada un dos centros e ANPAs, co obxecto de contribuír a preservar o noso patrimonio inmaterial máis prezado e a fomentar o uso desta lingua secular na educación escolar infantil e nas actividades de lecer para os máis pequenos, na crenza de que a música é un dos vehículos transmisores que poden axudar a promocionar e a salvagardar a lingua galega e a dos nosos ancestrais.

11 Mayo 2010

CLAUSURA DO TALLER DE ARREGLOS FLORAIS SECOS +  

 

A asociación ven de rematar o taller de arreglos florais secos que lles impartíu ao longo do mes de abril a propietaria da floristería Loli (Covas).

Neste taller matriculáronse once socias, as cales tiveron oportunidade, ao longo das 10 horas que durou este taller, de aprender as técnicas de elaboración de centros e xarróns para a decoración nos fogares, o manexo das frores secas para a composición de cadros e tamén aprenderon a interpretar e poñer en práctica as técnicas do Minimalismo floral.

As alumnas mostraron a súa satisfacción aínda que lles soubo a pouco as 10 horas que durou o curso.

03 Mayo 2010

GALA DE ENTREGA DOS PREMIOS DO II CONCURSO DE DEBUXO E PINTURA "UN PASEO POLA FRAGA DAS SAÍMAS" +  

A DIRECTIVA DA ASOCIACIÓN “FRAGA DAS SAÍMAS” FIXO ENTREGA DOS PREMIOS DO IIº CONCURSO DE DEBUXO E PINTURA INFANTIL “UN PASEO POLA FRAGA DAS SAÍMAS” DURANTE A CELEBRACIÓN DA “II FESTA DO MEDIO NATURAL E FAMILIA”.

O sábado 24 de abril celebrouse, no Centro Socio-Cultural de San Andrés de Boimente, a IIª Festa do Medio Natural e Familia organizada pola Asociación de Mulleres Rurais “ Fraga das Saímas”, no que tivo como acto central a Gala de entrega de premios do IIº Concurso de debuxo e pintura “Un paseo pola Fraga das Saímas”.
 

Os nenos gañadores do Concurso de debuxo e pintura (Yanira Díaz, Isai Parapar, Paula García, Pedro José Chao, Gabriel Timiraos e Elena Rey) así como alguns dos doce nenos finalistas acudiron a esta Gala acompañados polos seus familiares e os directores dos CEIP Santa Rita de Galdo, Lois Tobío de Viveiro e Antonio Pedrosa Latas de Celeiro.

A Asociación de MMRR “Fraga das Saímas” tamén contou durante esta celebración coa presencia da Concelleira de Benestar Social do Concello de Viveiro, Isabel Rodríguez, a 1ª Tenente de Alcalde, María Loureiro e a propietaria da firma especializada en material de belas artes (Catá), Josefina Casas.

Os actos desta celebración comezaron as 13:00 h. coa intervención da presidenta, Flor Chao, que según as súas propias palabras coa celebración da “Festa do Medio Natural e Familia” e a IIª Gala de entrega de Premios “Un paseo pola Fraga das Saímas” a Asociación de Mulleres quixo poñer un broche de ouro ás actividades que, con motivo da conmemoración do Día Mundial da Árbore, organizara para as nenas e nenos do Concello de Viveiro co fin de fomentar o coñecemento do contorno no que viven a través do seu achegamento á natureza e ao medio rural, así como incentivar a participación de todos os veciños do concello no enriquecemento do patrimonio natural da nosa parroquia. A presidenta durante a súa intervención aproveitou para presentar as socias e convidados o proxecto que está a traballar a Directiva grazas a colaboración de 17 veciñas e que leva por nome O Espello das Lembranzas. Para a presentación deste traballo, do cal a presidenta recalcou que se trataba dunha homenaxe á xente da comunidade veciñal de San Andrés, a Directiva da Asociación proxectou un audiovisual de 25 minutos nos cales se recolleron 140 anacos da historia dos veciños da parroquia vividos durante os anos 1940 e 1980.

Despois da proxección deste audiovisual, as membros da Directiva da Asociación, a concelleira de Benestar Social e a propietaria de Catá fixeron acto de entrega dos premios aos nenos gañadores do Concurso de debuxo e pintura. Os 12 finalistas tamén foron agasallados cun diploma e con brúxulas, camisetas, libretas e gorras donadas polo Plan de dinamización da Costa da Morte e Terras do Ulla e Tambre. Pola súa parte, a Presidenta entregoulle aos colexios colaboradores unha figura de cerámicas O’Regal e 18 exemplares do conto infantil “faragulliñas” para cada un deles, agradecendolles a súa participación neste concurso e alabou o traballo e a creatividade dos rapaces. Asimesmo animou a todos os nenos a achegarse á Fraga das Saímas para pasear e gozar da súa beleza sen olvidarse de respetala e coidala.

Rematados os actos centrais da Festa do Medio Natural o centenar de invitados puideron disfrutaron dun xantar servido polo Restaurante “O Val do Naseiro” e dunha sesión de baile amenizado polo grupo musical “Dúo Son Latino” de Arteixo, onde os máis animados bailaron e se divertiron ata pasadas as nove da noite.
 

12 Abril 2010

COMEZO DO TALLER DE ARREGLOS FLORAIS SECOS +  

ÁBRESE O PRAZO PARA A INSCRICIÓN NO TALLER DE ARREGLOS FLORAIS SECOS ORGANIZADA POLA ASOCIACIÓN “FRAGA DAS SAÍMAS” DE SAN ANDRÉS DE BOIMENTE.

A Directiva da AMMRR “Fraga das Saímas” acaba de abrir o prazo para inscribirse no Taller de arreglos florais secos, actividade formativa programada para desenvolverse ao longo da primaveira.

O obxectivo deste taller é lograr que as alumnas aprendan e perfeccionen o manexo das frores secas, descubrindo que as posicións e texturas reaccionan de maneira moi particular e diferente á composición do deseño floral fresco.

A Directiva entende que o seu carácter rústico abre un campo moi extenso na área de decoración de residencias, oficinas e hoteis, entre outros, polo que o desenvolvemento deste taller permitirá que as alumnas asistentes podan ampliar os seus coñecementos frorais para chegar a interpretar tamén outras necesidades estéticas de grande utilidade e demanda.

O taller estará dividido en varios módulos nos que se tratará, entre outros, as seguintes materias:

Elaboración de centros e xarróns para a decoración nos fogares.

Aprendizaxe do manexo das frores secas para a composición de cadros.

Minimalismo floral.

A duración do taller, que será impartido polos dous profesionais que dirixen a Floristería Loli, terá unha duración de 10 horas e realizarase os martes de 15:30 a 18:30 horas, no Centro Socio Cultural de San Andrés de Boimente. O taller comezará o MARTES, 13 DE ABRIL.

Para participar nestas actividades haberá que anotarse previamente, podendo inscribirse nas mesmas calquera socia da asociación Fraga das Saímas ou veciño de San Andrés, así como tamén aquelas mulleres do concello de Viveiro que estean interesadas nalgunha destas actividades e desexen compartir un espazo común de aprendizaxe e lecer. As persoas interesadas poden poñerse en contacto coa presidenta, Flor Chão, no teléfono 669250948.

08 Abril 2010

FALLO DO XURADO DO II CONCURSO DE DEBUXO E PINTURA "FRAGA DAS SAÍMAS +  

OS DEBUXOS DE YANIRA DÍAZ, IRAI PARAPAR, PAULA GARCÍA ,PEDRO JOSÉ CHAO, GABRIEL TIMIRAOS E ELENA REY, GAÑADORES DO IIº CONCURSO DE DEBUXO E PINTURA INFANTIL, “UN PASEO POLA FRAGA DAS SAÍMAS”

O xurado do IIº Concurso de Debuxo e Pintura Infantil “Un paseo pola Fraga das Saímas”, que a Asociación de Mulleres Rurais de San Andrés de Boimente convocara con motivo da celebración do Día Internacional da Árbore, reuníuse no Centro Socio-Cultural da Asociación MMRR “Fraga das Saímas” o sábado 27 para valorar os traballos presentados polas alumnas e alumnos de primaria dos Centros de Ensino Público: Lois Tobío de Viveiro, Santa Rita de Galdo e Antonio Pedrosa Latas de Celeiro, na modalidade de “Centros de Ensino Colaboradores” e os traballos presentados pólas nenas e nenos de Viveiro na “modalidade libre”.
 
Os traballos preseleccionados polos Centros colaboradores e o Xurado, de acordo as bases do concurso, foron 30 na categoría A (alumnos ata 3º de primaria) e 31 na categoría B (alumnos ata sexto de primaria).
 
 
O xurado calificador, tras reunirse durante tres horas na tarde do sábado para realizar o proceso de selección dos mellores traballos presentados, a través dun sistema de puntuación divido en catro fases para cada unha das dúas categorías, acordou por unanimidade e tras comprobar os resultados das puntuacións dos debuxos, conceder os seguintes premios:
 
CATEGORÍA A: NENAS E NENOS EN IDADES COMPRENDIDAS ENTRE OS 6 E 8 ANOS
Primeiro premio.- consistente en 100 euros en metálico + diploma, a IRAI PARAPAR REGO, cuxo traballo presentou dentro da Modalidade de “Centros educativos colaboradores” e que cursa 3º PRIMARIA no CEP LOIS TOBÍO pola obra titulada “O OUTONO NA FRAGA”.
Neste traballo, o Xurado valorou fundamentalmente a calidade da técnica empregada no debuxo, a sensibilidade manifestada co médio natural e a vinculación co tema obxecto do concurso, logrando conseguir côa unión destes tres elementos un resultado na execución que reflexa a beleza serena deste entorno natural .
Segundo premio.-consistente en 60 euros en metálico + diploma, a PAULA GARCÍA CORRAL, cuxo traballo presentou dentro da Modalidade de “Centros educativos colaboradores” e que cursa 2º PRIMARIA no CEP LOIS TOBÍO pola obra titulada “FLORES DE INVERNO”
Terceiro premio.- consistente en 40 euros en metálico + diploma a ELENA REY PERNAS, cuxo traballo presentou dentro da Modalidade de “Centros educativos colaboradores e que curso 3º PRIMARIA no CEP LOIS TOBÍO pola obra titulada “COMEZO DA PRIMAVEIRA”
Os seis traballos finalistas dentro da CATEGORÍA A foron os presentados polos seguintes nenos:
 
1º finalista: Ljuba Porch Galera (CEP LOIS TOBÍO)
2º finalista:Adrián Rguez López (CEP LOIS TOBIO)
3º finalista: María Cao Dóriga (CEIP ANTONIO PEDROSA LATAS)
4º finalista: Jorge Fraga Bouza(CEIP ANTONIO PEDROSA LATAS)
5º finalista: Nerea Abad Espeso(CEIP ANTONIO PEDROSA LATAS)
6º finalista: Alba Lago López (CEIP ANTONIO PEDROSA LATAS)
 
Os seis finalistas da Categoría A recibirán un diploma e un pequeno agasallo.
 
CATEGORÍA B: NENAS E NENOS EN IDADES COMPRENDIDAS ENTRE OS 9 E 11 ANOS
Primeiro premio.- consistente en:
- 100 euros en metálico + diploma
 
- Unha visita á Comarca da Sidra no mes de maio coa Asociación de Mulleres Fraga das Saímas, acompañada/o pola nai/nai ou tutor debidamente autorizada.
A YANIRA DÍAZ FERNÁNDEZ, cuxo traballo presentou dentro da MODALIDADE LIBRE e que cursa 6º PRIMARIA no Colexio de Covas pola obra titulada “AS CORES DA FRAGA”
 
Neste traballo, o Xurado valorou fundamentalmente o alto grão de perfección na execución do debuxo e a plasmación gráfica das diferentes árbores, froitos, vexetación e animais que habitan na Fraga, reflexando a través do mesmo un alto grão de coñecemento deste entorno natural.
 
Segundo premio.- consistente en 60 euros en metálico + diploma, a PEDRO JOSÉ CHAO RAMOS, cuxo traballo presentou dentro da Modalidade de “Centros educativos colaboradores” e que cursa 6º PRIMARIA no CEIP ANTONIO PEDROSA LATAS pola obra titulada “ESPERANZA PARA A VIDA FUTURA”
Terceiro premio.- consistente en 40 euros en metálico + diploma a GABRIEL TIMIRAOS DELGADO, cuxo traballo presentou dentro da Modalidade de “Centros educativos colaboradores” e que cursa 6º PRIMARIA no CEIP ANTONIO PEDROSA LATAS pola obra titulada “O VERDOR DA FRAGA”
Os seis traballos finalistas dentro da CATEGORÍA B foron os presentados polos seguintes nenos:
 
1º finalista: Ana Cortiñas Meitín (CEIP de SANTA RITA DE GALDO)
2º finalista: Antón Ramallas Castro (CEIP de SANTA RITA DE GALDO) e Oscar Sánchez Trasancos (CEP LOIS TOBIO)
3º finalista: Mirian Abad Girón (CEP LOIS TOBÍO)
4º finalista: Clara Díaz Rguez (CEIP de SANTA RITA DE GALDO)
5º finalista Sara Gericke (CEP LOIS TOBÍO)
 
Os seis finalistas da Categoría B recibirán un diploma e un pequeno agasallo.
 
O tres centros de ensino público que colaboraron neste IIº concurso entregaráselles un lote de 10 exemplares do conto infantil “A faragulliña” e un agasallo como recordo da participación dos seus alumnos neste proxecto.
 
Os debuxos premiados así como todos o traballos preseleccionados para este concurso está previsto que participen nunha Exposición Itinerante no Centro Socio-Cultural de San Andrés de Boimente, a partir da primeira quincena de abril e na Sá de exposicións da Casa do Concello a finais de abril e primeira semana de maio.
 
A Directiva da AMMRR “Fraga das Saímas” quere agradecer publicamente aos directores e profesores dos Centros de Ensino Público de Santa Rita de Galdo, Lois Tobío de Viveiro e Antonio Pedrosa Latas de Celeiro a súa inestimábel colaboración, sen a cal non nos sería posible desenvolver este proxecto, así como tamén á Concelleira de Benestar Social do Concello de Viveiro, Maria Isabel Rodríguez López e a Josefina Casas Ferreiros, empresaria e propietaria de CATÁ que de forma desinteresada aceptaron participar como membros do Xurado Calificador

23 Marzo 2010

REPRESENTACIÓN TEATRAL CON MOTIVO DA CONMEMORACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA 1  

O CENTRO SOCIO-CULTURAL DE SAN ANDRÉS ACOLLEU A OBRA “FOBIAS CON AMOR” DO GRUPO DE TEATRO “A ADALA” DURANTE OS ACTOS DE CONMEMORACIÓN DO “ DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA” ORGANIZADOS POLA ASOCIACIÓN DE MULLERES “FRAGA DAS SAÍMAS”


 

A asociación de mulleres rurais “Fraga das Saímas” celebrou o Día Internacional da Muller Traballadora, sumándose así a millóns de mulleres e colectivos, no seu Centro Socio-Cultural durante a tarde do sábado 13 de marzo.
Os actos de conmemoración comezaron ás 17.00 h. no cal a Presidenta da Asociación, despois de dar a benvida a unhas sesenta mulleres e veciños de San Andrés, deu lectura ao Manifesto da Asociación a prol dos dereitos da Muller, e no cal se resaltou o traballo invisible das mulleres rurais e a fortaleza das mulleres que permanecen firmes nas súas convicións e ante as adversidades no traballo e na súa vida diária, así como os máis de cen anos de loita da muller a prol da igualdade. Durante a súa intervención reclamou das autoridades competentes “políticas reais” para superar as desigualdades que veñen sofrindo inxusta e historicamente as mulleres, a través da posta en marcha de actuacións prioritarias para a consecución da superación destas desigualdades entre homes e mulleres.
Rematada a intervención da Presidenta, os asistentes disfrutaron, ao longo de hora e media, coa obra “Fobias con Amor”, escrita e dirixida por Francisco Piñeiro e representada polo Grupo de Teatro “A Adala”, nacido no seo da Asociación de Amas de casa de Fazouro no ano 1999. Ao finalizar a representación os oito actores de “A Adala” recibiron calurosos aplausos e felicitacións por parte dun público totalmente entregado.
Como acto de clausura da celebración do día da Muller a Directiva da Fraga das Saímas ofreceu a todos os asistentes unha merenda a base de churros con chocolate, prolongándose, esta, ata pasadas as 20.00 horas.

10 Marzo 2010

ORGANIZACIÓN DO II CONCURSO DE DEBUXO E PINTURA. TEMA: "UN PASEO POLA FRAGA DAS SAÍMAS" +  

AMMRR “FRAGA DAS SAÍMAS” ORGANIZA O IIº CONCURSO DE DEBUXO E PINTURA, DIRIXIDO AS NENAS E NENOS DO CONCELLO DE VIVEIRO.


 

OS CENTROS DE ENSINO COLABORADORES TERÁN DE PRAZO PARA PRESENTAR OS TRABALLOS ATA O MÉRCORES, 17 DE MARZO.

No marco da celebración do “Día Internacional da árbore” a directiva da Asociación MMRR “Fraga das Saímas” está a organizar, por segundo ano consecutivo, o IIº Concurso de Debuxo e Pintura dirixido a nenas e nenos en idades comprendidas entre os 6 e 11 anos matriculados nos centros de educación do concello de Viveiro.

Esta iniciativa forma parte dunha serie de actuacións encamiñadas a preservar o patrimonio material da parroquia de San Andrés aprobadas na asemblea xeral anual da asociación e co cal se pretende sensibilizar e concienciar, tanto aos nosos maiores como ás nenas e nenos do Concello de Viveiro, da importância que ten na vida das persoas o medio rural e os espazos naturais de gran riqueza en flora e fauna como é a Fraga das Saímas, inculcarlles o respecto e o coidado do noso patrimonio natural e unha cultura de ocio saúdable e deporte ao aire libre nestes espazos naturais tan emblemáticos.

O tema do concurso é “Un paseo pola Fraga das Saímas”, deixándose total liberdade para que cada participante exprese, a través do seu debuxo, o que desexe sobre a vida das árbores e animaliños que habitan a fraga e que se podería atopar durante un paseo cos seus amigos e pais pola Fraga das Saímas.

As nenas/os poderán participar neste concurso a través dunha das seguintes modalidades: MODALIDADE DE CENTROS COLABORADORES: Alumnos matriculados nos centros educativos que se sumaron a esta iniciativa CEIP Santa Rita de Galdo, CEP Lois Tobío de Viveiro e o CEIP Antonio Pedrosa Latas de Celeiro ou ben na MODALIDADE LIBRE: é dicir as nenas e nenos matriculados nos colexios CPR-Landro de Viveiro ou no CEP de Covas, dado que a directiva da Asociación acordou darlle a oportunidade de participar as nenas/os destes centros que desexen concursar presentando os seus traballos de forma individual e coa debida autorización dos pais.

As nenas/os que queiran participar na modalidade Libre poderán recoller as bases do concurso no Centro Comarcal da Mariña Occidental en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, ou solicitalas ao correo electrónico fragadassaimas@gmail.com .Os alumnos dos tres centros colaboradores seguirán as indicacións do profesorado do colexio.

Os concursantes en idades comprendidas entre os 6 e 8 anos participarán na CATEGORÍA A, e os de idades comprendidas entre os 9 e 11 anos faranno na CATEGORÍA B.

Outorgaranse 3 premios por cada categoría e que consistirán na entrega de diplomas e de premios en metálico, que irán desde os 40 ata os 100 euros por categoría, ademais dunha viaxe á Comarca da Sidra, xunto coa asociación e a nai ou titor, para o primeiro premiado na categoría B.

O prazo para presentar os traballos rematará o mércores, 17 de marzo, ás 20.00 horas.
Cos traballos gañadores, xunto con outros seleccionados polo xurado, organizarase unha exposición

08 Marzo 2010

MANIFESTO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER -2010 2  

 
Hoxe estamos aquí para honrar o traballo invisible das mulleres rurais, o traballo das mulleres correntes que coma nós loitan na súa vida cotiá sen renderse e sen desfalecer día tras día, mulleres que non perden o ánimo nin a ilusión polo seu traballo a pesares de estar infravaloradas polos seus xefes, mulleres que día a día fan milagres para levar o sustento a súa familia, en definitiva mulleres que permanecen firmes nas súas convincións e firmes ante a adversidade e a pé do cañón co fin de facer máis fácil a vida dos seus seres queridos.
 
Coa organización deste evento no día de hoxe a asociación de mulleres rurais “Fraga das Saímas”  quere sumarse a millóns de mulleres, colectivos e organismos na celebración do DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA e eu como presidenta e na súa representación quero poñer de manifesto a forte aposta e o compromiso de traballar a prol da mellora da calidade de vida das nosas mulleres e o compromiso de poñer o noso grão de area para contribuír a dignificar o papel que desempeñan as mulleres do noso rural na economía e na estrutura social e cultural do país e sen o cal non sería posible acadar os grandes logros que a humanidade ata o día de hoxe acadou.
  
Nestes días millóns de mulleres de tódolos continentes, de diferentes razas e culturas, unímonos para celebrar máis de cen anos de loita a prol da igualdade, a xustiza, a paz e o desenvolvemento e para reivindicar, un ano máis, ser mulleres, ser traballadoras, ser iguais ante a lei, poder participar na sociedade en pé de igualdade co home, ter o noso tempo de lecer e decidir sobre a nosa vida como persoas autônomas que somos.

24 Febrero 2010

COMEZAN OS TRABALLOS DO PROXECTO "O ESPELLO DAS LEMBRANZAS" +  

Foto.1969A DIRECTIVA DA AMMRR “FRAGA DAS SAÍMAS” INICIA A RECOLLIDA DE FOTOGRAFÍAS ANTIGAS, COA COLABORACIÓN DA COMUNIDADE VECIÑAL DE SAN ANDRÉS DE BOIMENTE, PARA O PROXECTO “O ESPELLO DAS LEMBRANZAS”
 


 

A Directiva da AMMRR “Fraga das Saímas” puxo en marcha a semana pasada a primeira fase do proxecto “o espello das lembranzas”.

Este proxecto forma parte dunha serie de actuacións encamiñadas a preservar o patrimonio material e inmaterial da parroquia de San Andrés aprobadas na asemblea xeral anual da asociación e co cal se pretende recuperar a historia dos nosos maiores e manter vivo o recordo da xente da comunidade veciñal, así como reivindicar unha forma de vida e de sinal de identidade propias dun pasado duro, difícil pero tamén entrañable e irrepetible.

O proxecto que se vai desenvolver ao longo do ano 2010 e 2011 está dividido en catro fases:
- Recompilación das fotografías antigas (anteriores a 1980) entre as socias e veciños de San Andrés.
- Dixitalización das fotografias cedidas.
- Exposición das 50 fotografías máis representativas da historia dos veciños de San Andrés de Boimente.
- Deseño, maquetación e edición dun catálogo con todas as fotografías cedidas polas veciñas.

O Espello das Lembranzas é un proxecto dirixido a toda a comunidade veciñal, no que a Directiva está a traballar para lograr a colaboración e implicación de todas as socias e veciñas de San Andrés, principalmente na fase de recompilación e identificación das fotografias.

Este proxecto servirá asimesmo, en opinión da Directiva, como taller de memoria colectiva, dado que as veciñas e veciños non só terán que buscar fotografías senón que deben contar a súa historia, é dicir: nome das persoas que aparecen nas mesmas, data, lugar onde se ubica a instantánea, así como calquera outro detalle ou anécdota da que se lembren sobre esa fotografía

19 Enero 2010

OS USUARIOS DA ESTRADA LU-161 SEGUEN CASTIGADOS A CIRCULAR NAS MESMAS CONDICIÓNS DE INSEGURIDADE DESDE HAI MÁIS DE 20ANOS +  

FRAGA DAS SAÍMAS DENUNCIA QUE A CIRCULACIÓN POLA ESTRADA LU-161 CONTINUA A SER UN PERIGO PARA OS USUARIOS DESTE VIAL, AO SEU PASO POLA PARROQUIA DE SAN ANDRÉS DE BOIMENTE, A PESARES DAS ACTUACIÓNS POR IMPORTE DE 230.840 EUROS ACOMETIDAS POLO SERVIZO PROVINCIAL DE ESTRADAS DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS.


A Directiva da Asociación “Fraga das Saímas” lamenta que os veciños de San Andrés de Boimente e demais usuarios da estrada LU-161 teñan que seguir a sofrir innecesariamente unha situación de perigo e risco, a pesares das recentes obras de parcheo feitas polo Servizo Provincial de Estradas. Á vista dos feitos, parece ser que usuarios da LU-161 seguimos “obrigados e castigados” a circular diariamente nas mesmas condicións de inseguridade que estamos a padecer desde hai máis de 20 anos.


Esta Directiva non entende que as actuacións acometidas a finais do ano 2009 pola Conselllería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na estrada LU-161, incluídas do Plan de Medidas Urxentes contra a Crise e cun presuposto de 230.840 euros non contemplara a erradicación dos puntos negros existentes nesta estrada ao seu paso polas parroquias de San Andrés de Boimente e Chavín e soamente se limitaran á construcción de pequenos tramos de cunetas aplicando un criterio incomprensible, a parchear algún que outro tramo do firme (firme que por outra parte continua con baches) e a repintar o vial unicamente naqueles tramos nos que se parcheou a estrada.


A Directiva da Fraga das Saímas xa presentara unha solicitude ao Servizo Provincial de Estradas de Lugo no mês de xullo de 2009 ao obxecto de que esta administración levara a cabo a instalación de valados de dobre vionda e a sinalización adecuada naqueles puntos máis perigosos, ao seu paso polas parroquias de San Andrés de Boimente e Chavín. Esta mesma solicitude foi remitida novamente en dúas ocasións: vía fax no mês de setembro e vía Subdelegación de goberno no mês de outubro de 2009, despois de preguntar en varias ocasións, ao Servizo Provincial de Estradas de Lugo, pola situación desta petición da Asociación e a vista de que non obtiñan ningunha resposta concreta.


A Directiva da Fraga das Saímas manifesta a súa decepción e o seu malestar ante a falta de resposta oficial por parte da Dirección Xeral de Infraestruras, organismo responsable de ofrecernos aos usuarios desta estrada as mellores condicións posibles de seguranza viaria. Por outra banda, ten que agradecer que non houbera que lamentar ningún accidente mortal nesta estrada durante o terrible temporal de neve de fai dúas semanas, no que nos vimos obrigadas a circular “ao borde do abismo” por unha estrada cuberta de neve e xeo e unhas curvas imposibles que non contan con ningún tipo de sistema de contención.


A Directiva da Fraga das Saímas pide publicamente as autoridades locais do Concello de Viveiro que esixan e reclamen á Dirección Xeral de Infraestruras da Xunta de Galicia tomar medidas, sen máis demoras, que poñan fin ao estado lamentable deste vial pola cal circulamos diariamente as veciñas e veciños de Viveiro.

Síguenos en...

 Follow RuraisLAB on Twitter   

Inicio de sesión

RuraisLAB

Mulleres Rurais e desenvolvemento rural

RuraisLAB es un laboratorio ciudadano para la innovación social en el medio rural, basado en las necesidades e inquietudes de la mujer.

 

 

 

 

Mulleres Rurais e desenvolvemento rural

Mujer Rural

Mujer Rural y Desarrollo Rural

Agenda Digital Europea 20202

Agenda Digital Europea